Coinscrap, Premio Novo Emprendedor 2016

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

O proxecto galego Coinscrap, do que falamos recentemente para dar conta do seu recoñecemento na terceira edición de Galicia Open Future (o centro de crowdworking de Telefónica e AMTEGA na Cidade da Cultura), vén de obter outra importante distinción que confirma (aínda máis) a súa imparábel carreira cara aos mercados tecnolóxicos galego, estatal e internacional. Trátase do Premio Novo Emprendedor 2016, entregado onte por AJE Vigo, que quixo salientar con este recoñecemento as importantes vantaxes que pon en xogo Coinscrap de cara ao consumidor (trátase dunha aplicación que redondea cada compra realizada con cartón de débito ou de crédito, pasando a diferenza entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro do usuario).
Xunto con este galardón entregado a David Conde, principal impulsor de Coinscrap, a asociación AJE Vigo tamén concedeu o Premio Novo Empresario a Estefanía Francos, responsábel de Sémola, firma posta en marcha en 2010 e adicada á elaboración e venda de pan e noces. Estes galardóns, que van pola súa décimo primeira edición, diríxense todos os anos a visualizar e distinguir o traballo innovador da nosa mocidade emprendedora.
Coinscrap, en base ao devandito premio, recibirá formación na Escola de Negocios AFundación de IESIDE (valorada en 1.000 euros), un ano de aloxamento e asesoría no Viveiro de Empresas de Zona Franca de Vigo e un móbil de última xeración.
Sémola recibirá un premio en metálico de 1.000 euros e outro en formación na Escola de Negocios Afundación de IESIDE, valorado tamén en 1.000 euros, ademais dun acceso á base de datos de Ardán durante un ano.
Dentro da categoría Mellor Empresario repartíronse tres accésits. O de Calidade foi para Clínica Dental Xiana Pousa, con dous centros dentais (en Vigo e Pontevedra) e 15 empregados (recolleu a distinción a propia Xiana Pousa). O accésit de Innovación (que recolleu Lucía Méndez) foi para Rysia, empresa especializada en fabricar impresoras 3D de marca propia (amais de achegar formación en tecnoloxía 3D para particulares e empresas, ofrecendo a maiores un servizo de reparación e mantemento de sistemas informáticos). O terceiro accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial foi outorgado a Carrick, empresa de comercio electrónico que nace en 2014 e que desde os seus inicios doa unha parte das súas vendas ao banco de alimentos de Vigo. Carrick deseña, fabrica e vende pulseiras con cabo náutico. Recolleu o galardón Brais Comesaña, un dos socios fundadores.
O acto de entrega de galardóns, ao que asistiron máis dun centenar de convidados, celebrouse na sede de AFundación de Vigo e contou coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a delegada do Consorcio de Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Carlos López Font; a director da área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo e o presidente de AJE Vigo, Alejandro Cabo.

PUBLICIDADE