Diablo IV anuncia a súa beta aberta

luns, 20 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que o xogo Diablo IV non chegue ás tendas até o 6 de xuño, os afeccionados a esta franquía poderán gozar dun anticipo no mes de marzo en PC, Xbox Series X|S, Xbox One, PlayStation 5 e PlayStation 4. Os xogadores que mercasen Diablo IV con antelación terán acceso anticipado á beta aberta do 17 ao 19 de marzo, mentres que do 24 ao 26 de marzo a beta estará aberta para todo o mundo.
As dúas fins de semana de beta aberta e acceso anticipado permitirá explorar a fondo o comezo de Diablo IV, como o prólogo e o Acto I enteiro da campaña, explorar a primeira zona (as Cimas Quebradas), percorrer a súa accidentada orografía e matar demos, aínda que sen poder superar o nivel 25.
Dende Blizzard lembran que o xogo aínda non está rematado, polo que nestas fins de semana de probas poderían presentar problemas de rendemento, interrupcións de servizo e algunhas cousas que non funcionen. Rematada a beta aberta avaliarán os comentarios dos xogadores para facer os cambios precisos.

Tráiler no que anuncian a data de lanzamento de Diablo IV

PUBLICIDADE