Devolo presenta unha aplicación de balde para termos o mellor Wi-Fi

xoves, 3 de setembro do 2015 Redacción

A firma europea Devolo vai presentar no salón IFA (do 4 ao 9 de setembro en Berlín) unha nova aplicación desenvolvida para “ter a mellor conexión Wi-Fi posíbel”. A tecnoloxía en cuestión é quen de determinar o lugar óptimo para emprazar un adaptador PLC-Powerline. Esta ferramenta para dispositivos de Devolo é de balde (descargábel en breve dende Google Play Store) e, ademais do devandito, permite probar o rendemento do noso router doméstico, deixando marxe para comprobarmos se o sinal é de abondo potente ou se precisamos mellorar equipamento, entre outras funcións.
Sobre o funcionamento da app, sinalar que logo de descargala será quen de guiarnos a través do proceso de optimización Wi-Fi que queiramos levar a cabo: primeiro establece conexión co router e logo o dispositivo intelixente onde a teñamos instalada convídanos a movernos pola casa ou pola empresa ao tempo que a pantalla notifica a calidade do sinala Wi-Fi en cada posición, vibrando o móbil cando a aplicación determina a localización óptima para o adaptador PLC. “É entón”, sinalan fontes da empresa, “cando podemos atopar o enchufe máis próximo e conectar un adaptador PLC-Powerline con funcionalidade Wi-Fi novo ou cambiar de lugar un xa existente e que estaba situado nun lugar menos idóneo”. A partir de aí, engádese, “só teremos que comprobar como é de potente o sinal en cada habitación grazas á segunda ferramenta do menú”.

PUBLICIDADE