Detidas tres persoas que impedían a colocación dunha antena de telefonía móbil no seu edificio

martes, 17 de outubro do 2006 Raquel Noya

Ós contaminantes xa coñecidos dende hai anos, tanto da auga, como da atmosfera ou da terra, véñense engadindo nos últimos anos os contaminantes electromagnéticos, debido sobre todo ó espectacular desenvolvemento de aparellos eléctricos e ás comunicacións.
Esta proliferación incontrolada de fontes de contaminación electromagnética que existe no noso entorno fai medrar a preocupación nunha boa parte da sociedade, que advertida polos científicos dos posibles riscos que supón unha prolongada exposición a aquelas, loita con unllas e dentes contra manobras coma a colocación de antenas de telefonía móbil, de transmisión de radio e televisión ou de xeradores de corrente eléctrica, entre outras. Sen ir máis lonxe, recentemente foron detidos en Madrid tres veciños do número 40 da rúa Cavanilles ó protestaren pola instalación dunha antena de telefonía móbil no seu edificio.
Os operarios de Vodafone, responsable da colocación da infraestrutura, que levan meses tentando colocar a antena no inmoble sen éxito, acudiron por quinta vez ó edificio acompañados dun grupo de policías, os cales levaron detidos ós devanditos veciños. Estes reclaman o seu dereito a que se impoña unha distancia prudencial da antena con respecto ás escolas e centros infantís até que se amose que a contaminación electromagnética producida por estes aparellos sexa inocua para a saúde.

PUBLICIDADE