Desvelan os xogos de PS Plus que chegarán en novembro

mércores, 28 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Sony anunciou os xogos que os subscritores de PlayStation Plus recibirán no mes de novembro, servizo que a partir de agora combinará xogos de PS4 e PS5 e tamén abrirá o acceso aos usuarios de PS5 da PlayStation Plus Collection (unha selección de clásicos de PS4 que axudarán a ter un bo catálogo de xogos dos que gozar na consola nova).
Os xogos de PS Plus de novembro para PlayStation 4 serán un par de títulos bastante relevantes: La Tierra Media: Sombras de Guerra (xogo inspirado no universo fantástico creado por Tolkien) e Hollow Knight: Edición Corazón Vacío (xogo de plataformas de exploración 2D), que estarán dispoñibles entre o 3 e o 30 de novembro; mentres que os propietarios dunha PlayStation 5 recibirán o xogo Bugsnax.

PlayStation Plus Collection

Pero o máis rechamante de novembro será a estrea da PlayStation Plus Collection cando chegue a PS5 ás tendas (o 19 de novembro), que incluirá inicialmente 20 xogos que definiron a actual xeración de consolas e que estarán dispoñibles sen custo adicional dende a consola de nova xeración.
Esta selección de xogos incluirá 10 xogos de estudios Sony Worldwide Studios (Bloodborne, Days Gone, Detroit: Become Human, God of War, Infamous Second Son, Ratchet and Clank, The Last Guardian, The Last of Us Remastered, Until Dawn e Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón) e doutros estudios teñen outros 10 xogos (Batman: Arkham Knight, Battlefield 1, Call of Duty: Black Ops III – Zombies Chronicles Edition, Crash Bandicoot N. Sane Trilogy, Fallout 4, Final Fantasy XV Royal Edition, Monster Hunter: World, Mortal Kombat X, Persona 5 e Resident Evil 7 biohazard).
Cómpre salientar que os xogos de PS4 correrán en PS5 con algunhas vantaxes como uns tempos de carga reducidos e pequenas melloras a nivel de velocidade de refresco, pero non serán remasterizacións, que nalgúns casos chegarán no futuro (hai xogos como Marvel’s Spider-Man que xa confirmaron que terán versión mellorada para PS5, pero non poderá conseguirse de balde de contarmos coa versión de PS4).

Vídeo no que amosan os xogos que formarán parte da PlayStation Plus Collection

PUBLICIDADE