Desvelan os 36 xogos incluídos no Game Pass Core

mércores, 13 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Este xoves complétase a transformación do servizo Xbox LIVE Gold en Xbox Game Pass Core, de xeito que o servizo máis básico para poder xogar en liña dende consolas Xbox muda considerablemente pasando de ofrecer 2 novos xogos ao mes que pasan a incorporarse á colección do usuario mentres pague a subscrición a ofrecer un catálogo de máis de 25 xogos de calidade que van renovándose dúas ou tres veces ao ano.
Agora que chega a transformación tamén se coñece o catálogo inicial de xogos, e Microsoft decidiu cumprir sobradamente co prometido achegando 36 xogos entre os que hai unha grande variedade, pois tanto figuran supervendas como xogos máis pequenos pero que tiveron unha magnífica aceptación do público.
Concretando, os xogos que estarán dispoñibles para os subscritores do Xbox Game Pass Core son Among Us, Astroneer, Celeste, Dead Cells, Descenders, Dishonored 2, DOOM Eternal Standard Edition, Fable Anniversary, Fallout 4, Fallout 76, Firewatch, Forza Horizon 4 Standard Edition, Gang Beasts, Gears 5 Game of the Year Edition, Golf with your Friends, Grounded, Halo 5: Guardians, Halo Wars 2, Hellblade: Senua’s Sacrifice, Human Fall Flat, INSIDE, LIMBO, Ori & the Will of the Wisps, Overcooked! 2, Payday 2: Crimewave Edition, Powerwash Simulator, Psychonauts 2, Slay the Spire, Spiritfarer: Farewell Edition, Stardew Valley, State of Decay 2: Juggernaut Edition, Superliminal, The Elder Scrolls Online, Teenage Mutant Ninja Turtles: Shredder’s Revenge, Unpacking e Vampire Survivors.
Son precisamente os títulos como Among Us e Vampire Survivors os que deixan claro que os xogos de moda terán o seu espazo no Game Pass Core, mentres que Gears 5 e Halo 5 tamén exemplifica que as superproducións dos estudios de Xbox estarán moi presentes neste catálogo que garante horas de diversión sen realizar un grande investimento.

Vídeo promocional do Game Pass Core

PUBLICIDADE