Desenvolven un probador virtual que permite probar a roupa sen desvestirnos

xoves, 26 de marzo do 2009 Raquel Noya

Quen non ten marchado algunha vez dunha tenda sen comprar unha peza de roupa que lle gustaba por non ter que agardar as longas ringleiras de xente que se amoreaba ás portas dos probadores con lotes de prendas nos seus regazos? (véxase “tempada de rebaixas nas tendas de Inditex, sección Muller”).
Outras veces, cando non é pola espera, marchamos sen mercar polo amolo de ter que quitar as capas de roupa que levamos enriba por mor do frío e da choiva do inverno (cal cebolas), que no mellor dos casos, aínda non está o suficiente mollada e pegada ao corpo como para quitala sen pedir axuda.
Pero esta situación semella ter os días contados dende agora, xa que un centro comercial de Barcelona vén de acoller a presentación do probador Virtual Two, unha ferramenta que permite probar diversas prendas sen ter que quitar a roupa que levamos posta.
A través da creación do seu persoaxe virtual, o Virtual Two permite que os usuarios proben os complementos e prendas que lle interesen tan só tocando unha pantalla táctil, sen ter que quitar a roupa nin o calzado.
A aplicación conta cunha pantalla e un sistema de recoñecemento formado por unha pequena cámara que se encarga de fotografar o rostro do cliente, para logo, a partir do procesamento das súas características físicas (sexo, peso, altura e axuste da figura), crear un dispositivo detector de pegadas dactilares para a identificación do usuario.
Para poder empregar a ferramenta, o usuario deberá rexistrarse con seu nome e chave de acceso e a continuación pode acceder ao banco de datos da empresa que dispoña da máquina para botar unha ollada virtual polo catálogo de roupa e complementos dispoñibles.
Segundo afirma o creador da ferramenta, Joseph Ricart, “o obxectivo é que o usuario poida escoller e probar a roupa que desexe e, unha vez seleccionada a que queira, acceda á tenda e adquira as pezas”.
Polo de agora só se crearon seis modelos diferentes de probador virtual, todos eles orientados a satisfacer diversas necesidades que teña o usuario en cada momento, porén, creáronse probadores específicos no interior das tendas pero tamén para outros emprazamentos como por exemplo a rúa.
Outro dispositivo creado foi o específico dos escaparates, onde o usuario pode probar a roupa dende a rúa, sen necesidade de entrar na tenda; un modelo que tamén serve para os aeroportos ou as estacións de metro.
Ricart asegura que o probador virtual, pese a que son moitas as cadeas de roupa que poderían estar interesadas, “está previsto que se poida comercializar nun prazo medio de tempo xa que a actual crise económica fai complicada a introdución dun dispositivo destas características no mercado”.

PUBLICIDADE