Descoñécese cando estará dispoñible o servizo de xogo na nube para PS4 en Europa

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O lanzamento das consolas de videoxogos de nova xeración está a ser moito máis accidentado do que debería, con cambios tácticos por parte de Sony e Microsoft, e moita información mal comunicada por ambas partes, de xeito que resulta moi difícil comparar ambas plataformas e saber o que ofrecerán realmente, e agora un dos detalles que se pon en dúbida é a posibilidade de xogar a títulos de PlayStation 3 na PS4, pois iso sería posible a través do sistema de xogo na nube Gaikai, adquirido por Sony, do que aínda non se coñecen os plans de espallamento en Europa.
Nunha entrevista a Jim Ryan, presidente e director xeral da división de lecer electrónico de Sony en Europa para a revista Edge incídese na ausencia de Gaikai na pasada celebración da Gamescom en Colonia, e Ryan detalla que non só non estará dispoñible de lanzamento, senón que os plans de Sony consisten en lanzar o servizo para PS3 nos EE.UU: ao longo de 2014, non existindo ningunha previsión de datas sobre cando chegará a Europa.
Unha vez máis o público europeo recibirá unha nova xeración de consolas de videoxogos con menos servizos en liña que os usuarios norteamericanos, aínda que nesta ocasión non se limita a contidos audiovisuais (como acontece habitualmente) senón que no caso de Sony afectaría aos xogos, algo que non deixa en boa situación á compañía nipoa que tanto insistiu nesa prestación cando presentou oficialmente a PlayStation 4.

PUBLICIDADE