Denuncian unha vulnerabilidade en aplicacións de Facebook usadas por máis de 120 millóns de usuarios ao mes

venres, 29 de xuño do 2018 Marcus Fernández

En marzo destapouse o escándalo por mor da filtración de datos de usuarios de Facebook a través da aplicación thisisyourdigitallife, e pese a que dende Facebook aseguraron ter tomado medidas para evitar que se repetisen situacións semellantes, non parece que a preocupación polos datos persoais dos usuarios vaia máis aló de gardar as aparencias se atendemos a un novo fallo de seguridade que agora explica o experto en seguridade Inti De Ceukelaire, quen descubriu unha vulnerabilidade nas aplicacións de Facebook de Nametests.com que durante anos podería terse empregado para roubar datos (incluso tras borrar a aplicación de Facebook), e que tras a alerta a Facebook pola súa banda tardaron un par de meses en corrixir (o que semella un comportamento neglixente).
Ceukelaire comunicou a Facebook o fallo de seguridade detectado a través do programa de recompensas de abusos de datos de Facebook, e tras a confirmación e corrección do problema Facebook realizou unha doazón de 8.000 dólares á Fundación para a Liberdade de Prensa en compensación.
O experto en seguridade, tras o escándalo de Cambridge Analytica, decidiu botar un ollo á seguridade de Facebook no manexo de datos persoais, e detectou problemas coas célebres aplicacións de Nametests.com, que son as típicas enquisas de Facebook nas que, tras responder a unha serie de preguntas non din que princesa Disney seríamos, o significado do noso nome ou incluso permítenos aplicar efectos ás nosas fotografías para compartilas en Facebook. Ao parecer, as aplicacións desta compañías presentaban numerosa información persoal en aberto no seu código, o que facilitaba a súa captación por parte de terceiros, e para demostralo construíu unha páxina web que conseguía roubar os datos persoais (nome, apelido, idade, data de nacemento, sexo, fotografías, publicacións, amigos...) de usuarios das enquisas de Nametests.com (que teñen máis de 120 millóns de usuarios ao mes).
Estamos ante un fallo de seguridade que claramente expoñía datos persoais por mor de malas prácticas de programación, o que desvela o pouco control que Facebook exerce sobre as aplicacións de terceiros, especialmente porque Ceukelaire advertiu do fallo o pasado 22 de abril, e até hai poucos días non se corrixiu, en vez de ter suspendido inmediatamente as aplicacións vulnerables como sería pertinente se Facebook realmente se preocupase polos datos dos seus usuarios.
Aínda que non hai evidencias de que o fallo de seguridade de Nametests.com fose explotado activamente, potencialmente puido terse empregado dende 2016 para roubar información persoal. E aínda que agora pouco pode facerse, este tipo de incidencia debería chamar á prudencia aos usuarios, para non andar a xogar coas moitas aplicacións de Facebook que non achegan realmente ningún valor pero, pola contra, supoñen un risco para os nosos datos persoais.

PUBLICIDADE