Denuncian que Apple anuncie fóra de Norteamérica que o iPad ten un modelo 4G

martes, 27 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A Comisión de Consumo e Competencia de Australia (ACCC) anunciou hoxe que vai presentar unha denuncia na Corte Federal de Merbourne contra Apple por violar a Lei de Consumo australiana ao anunciar que o novo iPad ten un modelo con “Wi-Fi + 4G”, dando a entender que o tablet coa SIM correspondente pode conectarse ás redes móbiles 4G de Australia, o que non é certo. A ACCC busca así que a información técnica sobre o último trebello de moda sexa correcta, e non leve a enganos ao consumidor.
Cómpre lembrar que tal engano de Apple tamén se reproduce na súa páxina web española, onde tamén falan de 4G sen matizar que a conectividade LTE que incorpora o tablet está limitada ás bandas de 700 e 2.100 MHz, que son as empregadas por AT&T en EE.UU. e Bell, Rogers e Telus en Canadá, pero non son as frecuencias adoptadas en Australia e Europa, onde o trebello tería que conformarse con comunicacións HSPA+ (ou sexa, 3G). Curiosamente na páxina web norteamericana si detallan que o dispositivo é compatible coas redes 4G LTE de EE.UU. e Canadá, de xeito que fóra deses países só contaría con conectividade 3G, algo que Apple non debería obviar ao promocionar o seu novo produto.

PUBLICIDADE