Decepcionante estrea de Final Fantasy XIII en PC

venres, 10 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O popular xogo de rol Final Fantasy XIII, que en decembro de 2010 puidemos ver como chegaba ás consolas Xbox 360 e PlayStation 3, chega finalmente aos ordenadores persoais a través de Steam a un prezo de só 12,99 euros, pero esta estrea non está a ser moi ben recibida xa que ao optimizar o xogo para PC fixeron certos sacrificios gráficos como limitar a resolución a un máximo de 720p para poder conseguir que o xogo correse a 60 imaxes por segundo (o que tampouco parece ter conseguido con estabilidade) e ocupando excesivamente no disco duro dos equipos informáticos (precisa preto de 60 Gb libres para a súa instalación), carencias que dificilmente poden aceptarse nun lanzamento tan tardío.
O xogo presenta voces en inglés e xaponés, contando con subtítulos en español, e permítenos introducirnos nunha das iteracións máis duradeiras da franquía de Final Fantasy¸ na que vemos como Lightning se aventura nun misterioso mundo involucrándose en intensos combates. O xogo conta xa con dúas secuelas: Final Fantasy XIII-2 e Lightning Returns: Final Fantasy XIII.

Final Fantasy XIII conta con Lightning como a súa carismática protagonista

PUBLICIDADE