DICO Summit 2017 inaugúrase con múltiples actividades arredor dos contidos dixitais

martes, 24 de xaneiro do 2017 Redacción

Hoxe inaugúrase finalmente o evento DIgital COntents (DICO) Summit 2017, unha xuntanza internacional arredor dos contidos dixitais coa que se queren pór de manifesto os importantes ingredientes cos que contamos para converternos en foco referencial de desenvolvemento e de creación de filmes e series en liña, videoxogos, realidades virtuais, contidos en 3D, webseries ou mesmo plataformas de distribución. O evento vén da man da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e o Clúster TIC Galicia. Abranguerá dúas completas xornadas de actividades (relatorios, paneis, demostracións, networking, etc) e contará coa presenza dalgúns dos máis sobranceiros creadores de contidos dixitais do panorama galego, estatal e internacional.
A cita é no edificio CINC da Cidade da Cultura. As claves temáticas, como dixemos, son as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos. No acto inaugural de DICO Summit 2017 participa a directora da AMTEGA, Mar Pereira; o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral.
Mar Pereira sinalou que o seguinte fito do Viraxe TIC é a elaboración dun estudo para identificar as principais oportunidades de negocio neste ámbito e analizar as perspectivas do sector ante as novas tendencias e os casos de referencia. Nunha segunda fase o Programa contempla a posta en marcha dunha liña de axudas dotada con 3.7 millóns de euros para incentivar o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais.
O presidente do CLAG, destacou que o contido en vídeo é o contido dixital que máis tráfico xera en España e o que máis crecerá ata 2020 só superado polo xogo online. Jorge Algora sinalou tamén que as novas plataformas dixitais achegan novas formas de distribución e, pola tanto, novas formas de amortizar as producións. Engadiu que agora toca explotar todas as novas posibilidades de negocio.
O presidente de Clúster TIC indicou que para a aproveitar as posibilidades que ofrece o sector dos contidos dixitais é preciso “pasar do técnico ao creativo, que son dous mundos que teñen que entenderse neste contexto”. Sinalou tamén que o papel dos tecnólogos neste ámbito é dar soporte aos contadores de historias. Ademais, incidiu na importancia de apoiar o emprendemento individual e de elaborar produtos pensando nun espectador global.
A continuación foi a quenda dun panel sobre as máis recentes novidades relativas aos contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos, contando este relatorio duplo coa presenza da directora de History Channel Iberia, Carolina Godayol, e o director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, Daniel Muñoz.

Obxectivos

En palabras dos organizadores, “DICO Summit 2017 é moito máis ca un evento, é unha xanela a un futuro mellor, un escaparate para ver e deixarse ver, unha ocasión única para coñecer as últimas tendencias en contidos dixitais, entender como repercuten nos novos modelos de negocio e valorar o seu papel como dinamizador dos distintos sectores económicos”. Coa finalidade de fortalecer estes obxectivos, non só se fomentará nestas dúas xornadas a participación e interacción entre profesionais e empresas da economía dixital e tecnolóxica, senón que tamén se fará todo posíbel por atraer o máximo número de estudantes, en definitiva os vindeiros valedores dos contidos dixitais.
Ao fío desta vertente de reclamo da mocidade, impulsarase en DICO o talento local a través do concurso Na procura do talento dixital, un certame para recoñecer e visualizar ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais. A intención dos organizadores é tirar proveito desta actividade para topar as mellores propostas de emprendemento, achegadas por mozas e mozos de entre 14 e 30 anos.

PUBLICIDADE