Curso da USC para docentes que queiran perfeccionar o seu uso da información

martes, 8 de xaneiro do 2013 Redacción

O grupo Gis-T da Universidade de Santiago, responsábel entre outras cousas do master en liña sobre Sociedade do Coñecemento ou a posta en marcha e desenvolvemento do portal granxafamiliar.com, está a organizar unha actividade formativa para docentes dirixida a melloraren e optimizaren tódolos procesos que leven a cabo relacionados cos datos. Este curso de perfeccionamento en habilidades informacionais ten como obxectivo salientar a importancia de desenvolver un axeitado tratamento da información no proceso de formación dos alumnos.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa preinscrición ata o próximo día 15 de xaneiro, mentres que a matrícula deberá realizarse entre os días 16 e 31 de xaneiro próximos. O curso desenvolverase ao longo de todo o mes de febreiro.
Este curso, informa a Universidade de Santiago,pretende dotar aos formadores en xeral da capacidade para obter a información máis pertinente para satisfacer unha necesidade de información concreta. Do mesmo xeito, engade, “representa un reto para os/as docentes, que poderán poñer en práctica novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe que estimulen a adquisición destas competencias entre os seus estudantes e futuros graduados/as, co fin de converterse en factor clave para o desenvolvemento das súas futuras actividades profesionais”. A metodoloxía de ensinanza será a distancia a partir da plataforma de formación en liña (Aula Virtual) do Gis-T Idega. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web deste grupo de investigación.

PUBLICIDADE