O grupo GIS-T presenta a terceira edición do seu máster en liña sobre a Sociedade do Coñecemento

xoves, 5 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

O grupo de investigación GIS-T Idega vai organizar no vindeiro curso académico unha actividade formativa destinada a pór de relevo todo aquilo que as novas tecnoloxías do coñecemento poden facer para crear un panorama social e económico máis xusto e máis igualitario. Cara a estes obxectivos apunta o máster online da Sociedade da Información que prepara o devandito equipo de traballo da Universidade de Santiago, unha achega que porá en valor a importancia das TIC no desenvolvemento social, cultura e produtivo dunha cidade, concello, rexión ou territorio en xeral. Trátase dun posgrao que vai alén do profesional para inserirse tamén no terreo da investigación, con potencial de abondo para capacitar aos alumnos no impulso de contornos xeográficos concretos a través do seu traballo en empresas, institucións ou comunidades, e tamén no estudo mesmo das ferramentas dixitais e o seu impacto presente e futuro neses contornos.
Para a achega de contidos e recursos, o máster contará coa participación activa de profesores con ampla experiencia nos eidos da empresa e da investigación vinculados a tres grupos de estudo da USC: Sociedade, Tecnoloxía e Territorio; Novos Medios; e Sistemas Intelixentes e Análise de Modelización Económica. En detalle, aprenderanlles aos alumnos a xestionar e deseñar páxinas web innovadoras, producir contidos nos máis diversos formatos (vídeo, foto, texto, etc) e estreitar o contacto co mundo laboral. Nesta terceira edición, o máster conta coa colaboración da Fundación Fullbright e a Comisión de Intercambio Cultural e Educativo e Científico España-Estados Unidos, así como coa participación de profesorado especializado de universidades estadounidenses en temas de telecomunicacións e desenvolvemento territorial. Cunha carga lectiva de 60 créditos, o curso impartirase entre o 15 de novembro e o 30 de setembro de 2011. A preinscrición deberá formalizarse do 1 de setembro ao 4 de novembro. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do grupo de investigación GIS-T.

PUBLICIDADE