Crunchyroll prepara un xogo de One Punch Man

luns, 17 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Netflix non é a única plataforma de vídeo por streaming que aposta polos videoxogos, e a plataforma líder do mundo do anime, Crunchyroll, anuncia One Punch Man World, un título en liña multixogador que non chegará unicamente a PC, senón que tamén terá versións para Android e iOS.
Estamos ante un xogo ­free-to-play para que poidamos xuntarnos cos amigos na Asociación de Heroes dende a que loitar contra vagas de viláns que xorden polo mundo. No xogo poderemos desbloquear e xogar con personaxes da primeira tempada da serie One Punch Man, incluíndo a Saitaman, ao seu compañeiro Genos, e aos máis curiosos Mumen Rider e Prisioneiro Lindo-Lindo.
Espérase que o xogo chega este mesmo ano, e será bastante diferente a One Punch Man: A Hero Nobody Knows, xa que, en vez de ser un xogo de loita tradicional, presenta unhas mecánicas máis propias de sagas como Devil May Cry, con combos e ataques de distinto tipo, pero considerándose máis como un xogo de acción, no que haberá que completar misións e tamén participar en actividades secundarias e minixogos, para ir progresando nas cualificacións do xogo.

Vídeo de presentación de One Punch Man World

PUBLICIDADE