Creada unha plataforma de diálogo para a problemática das antenas de telefonía en Galiza

luns, 28 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Para o problema das antenas de telefonía cómpre máis diálogo. Este é o alicerce sobre o que semella descansar o acordo presentado este luns polo conselleiro de Presidencia, José Luís Méndez Romeu, e que ten como finalidade atopar un equilibrio entre dous extremos en apariencia pouco reconciliables: por unha banda, o que representa as empresas de telefonía móbil (que piden máis facilidades nos concellos para a instalación das antenas, ás que consideran vitais para achegar un bo servizo), e pola outra o dunha boa cantidade de asociacións de veciños e de concellos, que ante a ausencia dunha demostración definitiva da inocuidade para a saúde das ditas infraestruturas, sitúanse en contra delas.
O caso é que este precisamente, o de achegar un informe que certifique dunha vez por todas se as antenas achegan ou non riscos para a saúde dos veciños, constitúe outro dos grandes obxectivos do acordo.
O informe, que se fará en cooperación coa Consellería de Sanidade, tamén servirá para “deseñar procedementos comúns de outorgamento de licenzas que traten de legalizar as instalacións existentes e de garantir o futuro despregue das necesarias”, segundo apuntou esta mañá Méndez Romeu na presentación do grupo de traballo. Este estará constituído por operadores e a FEGAMP, e terá como observadores ó Valedor do Pobo e á Consellería de Presidencia. A posta en longo deste acordo tamén serviu para anunciar que se terán en conta en todo intre os requirimentos e as inquedanzas dos veciños (transmitidas en boa medida polo Valedor), pero que tamén se actuará para poñer fin ós casos de demora de instalacións de antenas en determinados concellos de Galicia, “nos que non se legaliza ningunha antena dende hai cinco, seis ou sete anos”.
Segundo explicou o conselleiro, a situación é complexa e non pode proseguir. “É necesario funcionar nun réxime de legalidade e, polo tanto, hai que ordenar o procedemento de concesión de licenzas porque é a garantía xurídica para todos: concellos, operadores e veciños”, salientou.

PUBLICIDADE