Cortan o acceso á Rede a un galego que compartía música por P2P

luns, 20 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Un usuario do operador galego R convértese no primeiro español ao que lle cortan o acceso á Internet por piratería musical en virtude da actual Lei de Propiedade Intelectual (concretamente o artigo 138), tras ser denunciado por Promusicae (denuncia á que se sumaron Sony Music, Universal Music, Warner Music e EMI).
Estamos ante unha sentenza histórica da Audiencia Provincial de Barcelona, pois ata o momento sempre se defendía por parte dos lexisladores que as medidas contra o intercambio de ficheiros a través da Internet en España ían dirixidas a empresas e non a usuarios particulares, á vez que é a primeira vez que se obriga a un operador de banda larga a deixar de prestar o servizo a un usuario por compartir arquivos a través de redes P2P.
No caso en cuestión o corte do acceso á Internet do denunciado realízase sen terse probado ánimo de lucro polo intercambio musical a través da Rede e, aínda que inicialmente as pretensións da Industria discográfica foran desestimadas, ao aludirse ao artigo 138 do Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual, que recoñece a posibilidade de adoptar medidas cautelares de protección urxente, o que inclúe a posibilidade de suspender os servizos prestados por intermediarios (entre os que figuran os servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico), de aí que fose posible cortar o acceso á Internet ao usuario que respondía ao alcume de nito75.
Dende as páxinas de El Mundo detallan que nito75 era usuario de Direct Connect, plataforma de intercambio de ficheiros a través da que compartir 5.097 arquivos de son dende o seu equipo informático, segundo detectou a compañía Dtecnet Software, determinando que entre os ficheiros compartidos estaban temas de Amaral, Extremoduro e Joaquín Sabina (suxeitos a dereitos de autor). Ao non coñecer a identidade do usuario denunciado, a demanda dirixiuse ao provedor do servizo de acceso á Internet como intermediario (identificado polo enderezo IP de nito75), vía que ata o momento nunha se empregara para frear o intercambio de contidos a través da Rede pese a estar recollida na Lei dende 2006. Estamos así ante unha resolución moi polémica, por restrinxir o acceso a Internet a unha vivenda, en vez de ao infractor de dereitos de autor, polo que podería vulnerar un dereito fundamental do resto de membros da unidade familiar.

PUBLICIDADE