Continúan a caer as liñas de telefonía móbil en España

venres, 21 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Ganancia neta de liñas móbiles durante novembro de 2013 (en milleiros)

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) publicou a súa nota mensual correspondente ao mes de novembro de 2013, na que pode apreciarse como a telefonía móbil continúa a caer, con 143.796 liñas menos, das que 85.017 corresponden a liñas de voz (e o resto ás cada vez menos empregadas datacards). Deste xeito España pechou o mes de novembro con 51,88 millóns de liñas móbiles, polo que a súa caída mensual sería do 2,5%.
Pese á importante caída de Movistar (146,06 milleiros de liñas menos), Vodafone (115,65 mil) e Orange (37,68 mil), Yoigo conseguiu sumar 2,15 mil liñas móbiles e os OMV sumaron no seu conxunto 153,47 milleiros de liñas, dando a entender que o público está a fuxir de compañías tradicionais a outras con prezos máis axustados.
Pero non todo o sector da telefonía caeu en novembro, senón que curiosamente a telefonía fixa, cunha importante perda de liñas nos últimos anos, conseguiu acumular tres meses consecutivos en cifras positivas, gañando 2.945 liñas, grazas en boa medida a que o segmento residencial conseguiu compensar o descenso do segmento negocios.
As que non paran de medrar son as liñas de banda larga, que en novembro aumentou en 77.722, de xeito que a banda ancha fixa chegou ás 12,18 millóns de liñas, das que 577.072 corresponderían a liñas de fibra óptica ata o fogar (FTTH), tipo de conexión emerxente, que experimentou un crecemento interanual do 86,3%.

PUBLICIDADE