Continental e a Universidade de Santiago ultiman o seu videoxogo sobre intelixencia emocional

martes, 15 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O equipo de traballo de Continental Games, fotografado recentemente por El Faro de Vigo

A nosa terra non é o que se di unha potencia no deseño de videoxogos, pero os que se fan sempre teñen unha serie de puntos ao seu favor que os distinguen da media, sexa por ir encamiñados a promover a nosa cultura (como a última achega da AS-PG), sexa pola súa vontade de adiantarse aos acontecementos en liña (como SQR, que xurdiu para ser xogo e rede social). Detalles de abondo para salientar semella que tampouco lle faltan á nova achega da produtora galega Continental (da que adiantamos algúns detalles nesta web os días pasados), que uniu forzas cun equipo do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago para desenvolver unha aventura gráfica para a consola Wii.
A proposta, que nunha primeira ollada semella distinguirse pola amplitude do seu alcance, encamíñase a xuntar as vantaxes do lecer dixital co desenvolvemento das capacidades mentais de cada quen. De feito, segundo informa Xornal.com, baséase no impulso á intelixencia emocional, que non é outra cousa que a facultade que temos de recoñecer sentimentos nosos e dos demais.
A iniciativa en cuestión, que conta cun orzamento de máis de un millón de euros (incluíndose nel unha subvención da Xunta), conta arestora cunha etapa do traballo rematada, a do deseño propiamente dito, estando a de programación, que é a segunda, xa a piques de chegar á recta final.
O proxecto é un proxecto a moitas e variadas mans: enriquécese da colaboración directa dos informáticos e máis os físicos do grupo MAR (Multimedia, Animación e Realidade Virtual) con expertos en psicoloxía e psiquiatría, entrando tamén en xogo estudantes e titulados da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Como se dixo, Continental tamén forma parte do grupo de traballo, máis polo miúdo a través da súa filial centrada na elaboración de videoxogos, Continental Games. A dirección do traballo corre a cargo de Julián Flores González, quen sinala nun comunicado da USC que do se trata con esta achega é de ter a posibilidade de avanzarmos na intelixencia emocional, máis en detalle avaliando aspectos como a posición do corpo ou as expresións da faciana do xogador, analizando tamén as reaccións que amosa a determinadas preguntas.

PUBLICIDADE