AS-PG lanza un novo xogo en liña para que non se perda o vínculo lecer-galego

mércores, 28 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

Pódese galeguizar, educar en liña e divertir ao mesmo tempo? Se atendemos ao que nos conta a Asociación Sociopedagóxica Galega (AS-PG), non só pode ser posible, senón que constitúe xa unha realidade. Un exemplo recente disto é Catapalabras, xogo posto en marcha polo dito colectivo galego dirixido a achegas de dous e catro participantes e que se engade á completa listaxe de propostas de lecer dixital do seu programa. O xogo, que se insire como dixemos no eido do educativo, consiste basicamente en cada quen escriba palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao chou (froitas, animais) e que comecen por unha letra determinada tamén seleccionada ao azar a través dun dado de 20 caras.
O obxectivo da proposta, deseñada para que ter acubillo na Rede, é que o participante acade a máxima puntuación posible, cousa “que dependerá da cantidade de termos correctos que se acheguen e do número de persoas que escriban a mesma palabra, xa que os termos repetidos non puntúan”. O xogo, como se dixo ao principio, non é novo, e súmase a unha listaxe máis que completiña fornecida polo colectivo AS-PG: o Trivial, o Letrad@s e o xogo da Curuxa, todos eles exemplos axeitados de actividade educativa que aposta polo lecer e emprego das novas tecnoloxías, tanto é así que xa teñen acadado importantes niveis de seguimento e participación. O alicerce común é o seguinte: facer o posible para que non se perda o tradicional vínculo entre a nosa lingua e un espazo vital de aprendizaxe e interacción, o do lecer e o xogo, “que na actualidade sofre unha importante carencia de posibilidades pensadas dende Galiza”, informa a asociación.

PUBLICIDADE