Constitúese a Rede Galega de Incubadoras Tecnolóxicas

luns, 19 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Salustiano Mato, Mª José Alonso e Gustavo Marcos durante o acto de constitución da Rede Galega de Incubadoras Tecnolóxicas

Este luns a Casa Europa acolleu a xuntanza de constitución da Rede Galega de Incubadoras Tecnolóxicas, nunha xuntanza impulsada por Uninova na que tamén participaron outras entidades galegas de apoio á incubación de carácter tecnolóxico.
O obxectivo da nova rede é sensibilizar e formar ao persoal directivo e técnico das incubadoras na xestión da I+D+i para acadar unha mellor difusión destes conceptos e do seu funcionamento.
No acto participaron Mª José Alonso, vicerreitora de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela ; e Salustiano Mato, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, quen asegurou que as incubadoras xa non poden conformarse con ser «acolledores e caseiros» das empresas e «deben comezar a ser socios estratéxicos» e prestar servizos de valor engadido, que permitan cubrir as distintas etapas de consolidación das futuras sociedades agora tuteladas.
Pola súa banda, Gustavo Marcos, responsable da incubadora de empresas da USC (Uninova), apostou por ofrecer «o máximo rigor» aos emprendedores galegos con «bos plans de proxecto» e «asegurar unha boa quenda de financiamento» para «atender as súas necesidades de mercado» ante a crise e «estimular novas iniciativas empresariais». Tamén explicou que o traballo conxunto das incubadoras «permitirá que o equipo directivo de cada unha poida incorporar técnicas de xestión das demais» e así, «estudar distintas metodoloxías de traballo» o que suporá «diferentes beneficios en común».

Á xuntanza celebrada na Casa Europa asistiron as incubadoras de empresas de base tecnolóxica implantadas na actualidade en Galicia

PUBLICIDADE