Compostela destaca entre as 4 cidades españolas nas que haberá feira Maker no que resta de ano

xoves, 1 de setembro do 2016 Redacción

As Feiras Maker, fenómeno global que se estendeu por máis de 190 cidades do planeta, terán en España un dos seus epicentros na segunda metade de 2016, na que se celebrarán un total de catro Maker Faires. Madrid en setembro, Santiago de Compostela e León en outubro e Bilbao en novembro realizarán as súas respectivas versións do festival de tecnoloxías creativas máis grande do mundo, a Maker Faire, un tipo de evento que congrega a fanáticos de tecnoloxías como as impresoras 3D, os drons, a moda interactiva, a robótica e a programación creativa para compartir os seus proxectos e coñecemento co gran público.
Este tipo de eventos son o principal escaparate da cultura ou movemento Maker, considerado como unha importante ferramenta para incrementar a innovación de base tecnolóxica entre a xente moza, polo que é todo un luxo que en Galicia podamos contar con encontros deste tipo que dinamicen industria e sociedade, instando á exploración da senda aberta pola cultura Maker.
Nas Maker Faires pódense ver desde robots humanoides de tamaño real ata vestidos que integran luces controlables desde o móbil, submarinos, drons, impresoras 3D e todo tipo de instalacións interactivas serán compartidos co gran público. Todos teñen en común a filosofía Do-It-Yourself, ou faino-ti-mesmo, así como o uso de novas tecnoloxías de creación e fabricación dixital de vangarda que anticipan algunhas tendencias tecnolóxicas, en ocasións con anos de antelación.
O movemento Maker é o nome que reúne baixo un mesmo paraugas a un crecente número de persoas de distintos perfís que están usando técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Together para desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente que ten un maior número de Makerspaces e Fablabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D. Cada ano celébranse máis de 50 Maker Faires e Mini Maker Faires no continente. A versión realizada en Roma é a principal de Europa, con máis de 100.000 visitantes na súa terceira edición en 2015. A Compostela Mini Maker Faire foi a terceira, detrás de París.
A cultura Maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo (Hackerspaces, Fablabs, Makerspaces, Techshops) nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento desde a base da pirámide; novos traballos que non existían ata o de agora (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de Internet; e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Maker Faire.
Todas as feiras manteñen aberto o seu chamamento a proxectos, animando a tecnólogos, deseñadores, artesáns, artistas, profesionais, afeccionados, colectivos, empresas e todo tipo de organizacións a presentar o seu proxecto e darse a coñecer ante as decenas de miles de persoas que acoden a este novo tipo de festivais que combinan diversión para todos os públicos coas novas tecnoloxías.
Poden presentarse a unha Maker Faire os seguintes tipos de proxectos:
- Robótica e programación creativa
- Drons
- Submarinos DIY
- Proxectos con Arduino
- Artesanía dixital
- Proxectos astronomía ou exploración espacial en xeral
- Arte New Mediax
- Deseño, impresión 3D e Fabricación Digital
- Uso creativo de máquinas de control numérico (fresado, láser, plasma..etc.)
- Crafting
- E-Textís, wearables, moda e tecnoloxía.
- Green Tech, tecnoloxía ao servizo da transición ecolóxica.
- Radiocontrol
- Tecnoloxía Vintage (videoxogos, ordenadores míticos, sibaritas do chip)
- Electrónica
- Vehículos eléctricos
- Ciencia Cidadá
- Biología-Biofabricación
- Extreme making
- Instalacións de gran formato
- Refuxios, cúpulas, domos, inflables
Instrumentos musicais DIY
- Máquinas imposibles
- Repara-reutiliza-recicla-mellora. Upcicling & Tech
- Tecnoloxía social. Proxectos que marcan a diferenza
E actualmente a Maker Faire Galicia, que desenvolverase entre os días 1 e 2 de outubro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela, está aínda aberta á recepción de propostas argalleiras para enriquecer este importante evento.

PUBLICIDADE