Compostela acollerá a primeira #Redada galega

mércores, 7 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da segunda edición de NeThinking na Illa de San Simón, varios dos participantes no encontro decidiron convocar a primeira #Redada en Galicia, encontro que terá lugar o vindeiro venres de 19:30 a 21:00 en Baleiro, canlde de produción de cultura contemporánea da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, no que se debaterá sobre a cultura e a creación na era da Internet.
O evento busca afondar nos distintos xeitos de publicar contidos na Rede, o marketing orientado ao mundo cultural e a busca da rendibilización de contidos. A adaptación dos creadores ao contorno actual e aos novos hábitos dos consumidores tamén será un tema a tratar, e que tocará tanxencialmente a temas tan actuais como as descargas e as implicacións que terán lexislacións para a protección dos dereitos de autor e o copyright como a Lei Sinde-Wert ou SOPA/PIPA.
Este encontro organizado por Antonio Delgado, é de entrada libre ata completar aforo e xa ten confirmada a participación de Juan Gómez-Jurado, Manuel Loureiro, Pedro Jorge Romero, Javier Pedreira Wicho e Adrián Hiebra.

PUBLICIDADE