Comeza no Grove o proxecto para instalar tótems interactivos en medio centenar de mercados da provincia

luns, 21 de novembro do 2011 Redacción

Os tempos van cambiando e isto nótase a tódolos niveis, mesmo en algo como facer a compra a día. E xa non é que se poida facer a través da Rede, cousa que nin imaxinabamos hai anos, é que mesmo se levamos a cabo a compra ao xeito tradicional tamén seremos testemuñas dunha serie de transformacións coas que nin nós nin as vendedoras e vendedores de sempre contabamos. Un exemplo disto é o que aconteceu estes días no mercado Grove, onde se procedeu á instalación dun equipamento interactivo que será extensíbel a outros mercados municipais da nosa terra. Máis polo miúdo, estamos a falar dun tótem de información dixital que vén da man da Deputación de Pontevedra e a Xunta e que se materializa a través do Servizo de Novas Tecnoloxías e da Oficina Provincial de Comercio REDIC.
O obxectivo, tal e como avanzamos a semana pasada reflectindo a información achegada pola Xunta, é impulsar e fortalecer o pequeno comercio da provincia mediante a conversión dos seus mercados de toda a vida en “puntos de referencia para a compra de produtos frescos e de calidade, promover estilos de vida saudábel e ofrecer información turística dos concellos aos consumidores”. En última instancia, o que se busca é recuperar o papel dos mercados municipais como centros de actividade económica das nosas vilas e cidades, e non só iso, senón tamén como puntos de interese turístico, social e mesmo cultural. A instalación destes equipamentos insírese no novo convenio de colaboración, o terceiro, asinado por ámbalas institucións co fin de revitalizar os devanditos centros de actividade comercial. Estes tótems interactivos, infórmase, chegarán a 52 mercados municipais da provincia, dando a cidadanía “apoio audiovisual e multimedia á transmisión de información sobre estes mercados”.
O primeiro elo da cadea forxouse no Grove, como dixemos, onde se puxo en marcha a experiencia piloto cun equipamento vertical que dá acubillo a un computador, unha pantalla táctil de 26 polgadas e máis unha impresora. En breve collerán corpo nas vilas de Porriño, Portonovo, Bueu e Caldas cadansúa proposta interactiva para os seus mercados municipais. Xa nun plano máis específico, dicir que estas infraestruturas fornecen aos clientes de información ligada aos propios mercados e aos produtos que se venden neles.Ademais, engade a Deputación, “dan a coñecer a información turística do concello correspondente, os servizos existentes no mercado e as receitas de cociña con menús saudables que se poden elaborar con eses produtos”.
A maiores, achéganlle á cidadanía a posibilidade de imprimir as receitas e os menús que integra cada tótem.

PUBLICIDADE