Pontevedra leva puntos de información interactivos a cinco mercados de abastos da provincia

xoves, 17 de novembro do 2011 Raquel Noya

Tratar de desligar a tecnoloxía da nosa cultura máis tradicional afastándoas para intentar manter as nosas raíces é algo que erroneamente levan a cabo moitas persoas e entidades no noso país, movidas en gran medida, polo medo a que o tecnolóxico substitúa ao artesanal, sen saber que se algo pode contribuír a manter a nosa identidade de pobo é, precisamente, a tecnoloxía máis punteira.
Un bo exemplo de que as TIC non só non nos afastan do tradicional senón que axudan a que a nosa cultura se consolide e se estenda aos sectores máis mozos da poboación é a última iniciativa da Consellaría de Economía e Industria, que a través da Oficina Provincial de Comercio de Pontevedra, vén de presentar un proxecto piloto co que modernizar as prazas de abastos da provincia.
Trátase da instalación de 5 puntos de información interactivos en outros tantos mercados de Pontevedra que darán servizo ás persoas que se acheguen a mercar aos mercados de O Grove, Porriño, Portonovo, Bueu e Caldas de Reis.
Nestes dispositivos poderase consultar información sobre os produtos que están á venda en cada un dos mercados, suxestións de receitas para elaborar con eles, os servizos existentes na propia praza, información turística da zona, e mesmo menús saudables elaborados pola Consellería de Sanidade para levar unha dieta apta para toda a familia.
A directora xeral de Comercio, Nava Castro, que presentou o proxecto esta mesma mañá no Grove,
asegurou que o proxecto piloto se enmarca no constante traballo da Consellería de Economía e Industria por “revitalizar e dinamizar os mercados municipais, para convertelos en puntos de referencia para a compra de produtos frescos e de calidade, onde se leve a cabo unha venda moderna con servizos, diversidade e excelencia”.
Para determinar os cinco mercados municipais mais idóneos para poñer en marcha este proxecto piloto tivéronse en conta a súa situación actual, as reformas levadas a cabo e a súa localización, considerando tamén de gran importancia as actividades de dinamización comercial levadas a cabo nel. Todos estes aspectos están recollidos no mapa de situación dos mercados municipais da provincia de Pontevedra, elaborado pola Oficina Provincial de Comercio.

PUBLICIDADE