Comeza este martes a edición do CeBIT máis inzada de agoiros

luns, 2 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Se a tecnoloxía a nivel mundial ten un punto de mira, o campo de tiro por excelencia ben pode ser o salón alemán CeBIT. Ou, polo menos, en tempos así era. A feira, que dá comezo oficialmente este martes 3 de marzo na cidade de Hannover, inclúe desta volta unha particularidade a ter en conta: a crise económica mundial que aperta máis alá dos muros do emprazamento físico do salón. Neste senso, a feira desenvolverase até o día 8 (día de peche) como unha incógnita: non se sabe moi ben até que punto as empresas participantes pensan facer do parón produtivo un pretexto para presentar e para innovar menos ou precisamente para o contrario. O que si se sabe é que California será a convidada de honra do salón, un estado que non entra na feira pola parte grande porque si: cómpre lembrar que nel xurdiron algunhas das empresas con máis responsabilidade no proceso de ir dándolle corpo á informática que, para ben ou para mal, todos e todas coñecemos. Por certo que a inauguración prevista para este martes día 3 correrá a cargo (precisamente) de Arnold Schwarzenegger, máximo mandatario do devandito estado norteamericano.
Con todo e malia o positivismo do que fan gala algunhas compañías, tamén se sabe que a crise é probablemente a principal responsable dunha mal nova para organizadores, visitantes e (tamén) membros do tecido-TIC en xeral: a caída do 26,% na cifra de expositores que participarán no evento. A maiores, sinalar que marcas de primeira liña como Toshiba ou Samsung xa anunciaron que non abrirán stand en CeBIT. En total: acudirán a Hannover 4.300 compañías de 69 países.
Para a organización, como era de agardar, a cousa non pinta tan mal: “Tendo en conta o alcance da crise económica, que se teñan acadado estas cifras de concorrencia só pode ser cualificado de éxito”, sosteñen. Polo que respecta ao público, os responsables da feira anunciaron uns cantos ases na manga para atraelo: entre estes, cóntase un especial fincapé no dixital verde, tecnoloxías beneficiosas para o medio pero tamén vantaxosas no económico. Por exemplo: a aposta firme pola desmaterialización informática (cloud computing), que lles achega ás firmas a posibilidade de primar os centros de datos distantes de libre disposición en liña (as 24 horas) en detrimento do habitual: o uso de servidores centrais. Con esta medida preténdese non só aforrar custes en enerxía, senón tamén en licenzas de software propietario.
Con todo, e malia os esforzos que está a levar a cabo a organización do CeBIT por facer da crise un motivo de encontro e de busca de novos camiños e non do contrario, cómpre ser realistas: algo non vai moi ben cando unha feira que non hai moitos anos era quen de poñer baixo un mesmo teito a máis de 8.000 compañías. Destes e doutros asuntos (de cómo van campeando o temporal as empresas e dos vieiros que se albiscan) iremos dando conta nesta web ao longo dos vindeiros días.

PUBLICIDADE