Comeza en Galicia a Semana da Ciencia máis divertida

martes, 9 de novembro do 2010 Raquel Noya

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ricardo Capilla, foi o encargado de presentar hoxe o amplo programa de actividades que a Consellería de Economía e Industria ten previstas levar a cabo con motivo da celebración da Semana da Ciencia no noso país.
De 52 semanas que ten o ano, a máis importante para a difusión do coñecemento científico entre os escolares de todo o Estado comeza estes días, nos que diversos organismos poñen todo o que está na súa man para dar a coñecer de xeito ameno a actividade científica que levan a cabo diariamente.
Segundo explicou Capilla na súa intervención, esta “é unha ocasión para poñer en valor diante da sociedade o esforzo que se realiza para mellorar a calidade de vida, impulsar a competitividade económica e traspasar as barreiras do coñecemento”.
Deste xeito, Economía e Industria ofrece soporte financeiro a un total de 25 actividades que se desenvolverán en toda Galicia até o vindeiro día 21 de novembro, coa colaboración de universidades, centros e outras entidades relacionadas co Sistema Galego de Innovación.
No marco do programa Diverciencia, financiado pola Xunta de Galicia, desenvolveranse en todo o país actividades dirixidas a un público non especializado, cun enfoque innovador e lúdico que fomentará a participación cidadá nas principais cidades galegas.
Asemade, o programa da Semana da Ciencia cobre un amplo abano de áreas de coñecemento que vai desde a robótica e a astronomía, até a química e a oceanografía, pasando pola meteoroloxía e a neurociencia. As actividades ofertadas inclúen obradoiros, teatro, concursos, exposicións, visitas guiadas, cómics e mesmo a presenza nas redes sociais.
Unha das propostas destacadas na edición deste ano é a Ciencia de cada día, que busca levar esta actividade fóra dos laboratorios, co obxectivo de que a cidadanía poida conectar, de xeito ameno, coa investigación e a tecnoloxía. Con este fin instalarase o Cubo da ciencia como un lugar de encontro no que os cidadáns das sete cidades galegas poderán realizar “os experimentos máis divertidos”, en lugares céntricos que facilitan a asistencia de público, como son a Alameda de Santiago (os días 8 e 9 de novembro), os cantóns da Coruña (os días 11 e 12), a Rúa Príncipe de Vigo (os días 13 e 14), o Xardín do Posío de Ourense (o día 17), a Praza de Armas de Ferrol (o día 18), a Praza Maior de Lugo (o día19) e a Avenida Montero Ríos de Pontevedra (os días 15 e 16).
Ademais, no plan de actividades da Semana da Ciencia cómpre engadir outra que, aínda que fóra deste período, desenvolverase co mesmo obxectivo. Trátase, tal e como adiantou o director xeral, de Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, organizada por Tecnópole e que este ano acada a súa quinta edición. Terá lugar os próximos días 24, 25 e 26 de novembro cun récord absoluto de proxectos recibidos, o que obrigou a facer unha selección entre os mesmos.

Resumo de actividades
Por outra banda, durante a Semana da Ciencia as localidades de Narón, Ordes, Boiro, Redondela e Santiago de Compostela albergarán os Cafés-teatro científicos 2010, unha serie de diálogos entre científicos e actores do panorama actual que tratarán sobre os usos e a aplicación das ciencias.
A capital galega acollerá tamén a exposición Biodiversidade e coleccións de Historia Natural no colexio de Fonseca, así como a mostra Mulleres Nobel en Física e Química. Unha visión non sexista da ciencia e a iniciativa O Camiño da Ciencia, o Camiño da Vida, coa que se pretende dar a coñecer o proxecto Campus de Excelencia Internacional-Campus Vida.
A cidade de Vigo, pola súa banda, acollerá varias actividades no campus universitario, como é o caso dos talleres prácticos Enxeñeiros por un día ou das visitas guiadas ás novas dependencias da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas. Ademais, organízanse o II Certame de Relatos de Ciencia Ficción de Gradiant e a terceira edición do concurso de relatos curtos vinculados á ciencia Ciencia que conta. Haberá, así mesmo, charlas divulgativas, proxección de documentais e distintas exposicións no Museo do Mar da cidade.
Na Coruña, o centro comercial Espazo Aberto será o lugar onde se desenvolverán unha serie de actividades divulgativas baixo o nome de Espazo para o cambio, mentres que o Círculo de Artesáns acollerá a mostra A Química a través do cómic. Ourense, pola súa parte, contará coa feira Galiciencia e a iniciativa Ourense investiga, consistente na colocación dunha carpa onde estudantes de Secundaria exporán os traballos realizados no campo da investigación o pasado curso.
En Lugo, a actividade Ga-Láctica tratará de mostrar á sociedade a importancia da investigación no sector lácteo. A esta hai que sumar Comerciencia. Consumir con ciencia, comer con conciencia (da que falamos estes días) destinada aos escolares, e A Maxia da Robótica. III Concurso Galego de Robótica, organizado na localidade de Burela.
Na cidade de Pontevedra desenvolveranse os obradoiros Tecnoloxía divertida e Misión Biolóxica de Galicia 2010. En Lalín, pola súa banda, realizaranse cursos de iniciación á astronomía. A todo isto hai que sumar o proxecto Diverciencia granxas dixitais, para que os escolares de Melide, Chantada, Lobios, Coristanco e Ponteceso teñan a oportunidade de empregar as novas.
Ademais, centros educativos de toda Galicia acollerán a actividade de divulgación Exper-i-ciencia para achegar a ciencia aos estudantes de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato mediante encontros con científicos do CSIC. Por último, a web www.galiciaeascienciasdomar.org continuará coa divulgación do coñecemento e as aplicacións das Ciencias do Mar.

PUBLICIDADE