Código Cero celebra este xoves o seu primeiro Foro Tecnolóxico

mércores, 25 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

As celebracións dos dez anos da edición en papel de Código Cero aínda seguen a facer ruído, logo da publicación do noso número especial, o número 100, e de outras accións realizadas dende este medio para visibilizar o traballo das empresas, entidades, asociacións, colectivos e cidadáns de a pé, comprometida/os coa promoción das redes na nosa terra. Dentro do programa de celebración que aínda continúa insírese precisamente a primeira edición dos Foros Tecnolóxicos de Código Cero, que se celebra este xoves 26 de abril en Santiago e que se complementa co acto propiamente dito de conmemoración dos nosos dez anos de vida na rúa. A cita será no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e dará comezo ás 19 horas.

Foro Tecnolóxico

A primeira edición do noso foro, na que é imprescindíbel confirmar asistencia de termos pensado acudir (as prazas son limitadas), contará coa presenza do escritor e colaborador de Código Cero Xavier Alcalá, quen se ocupará de abrir o encontro con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Décimo Aniversario

A partir das 19.30 horas desenvolverase o acto do noso décimo aniversario, conducido por Marcus Fernández e Xosé María Fernández Pazos, cofundadores de Código Cero, ao que seguirá a intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen procederá ademais a clausurar a actividade. A continuación, serviráselles aos asistentes ao foro un viño galego con ágape no exterior do Auditorio da Biblioteca.

PUBLICIDADE