Cobran forza as plataformas que permiten instalar aplicacións piratas en iOS

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Zeusmos destaca por permitir a instalación de aplicacións sen precisar dun ordenador

Aínda que o cesamento da actividade de Hackulous parecía indicar a fin da piratería para dispositivos con iOS, dende distintos medios están a dar conta de que tal movemento só está a impulsar a servizos alternativos que non só permiten instalar aplicacións sen pagar por elas, senón que incluso serían compatibles con dispositivos aos que non se fixera anteriormente jailbreak, ou sexa que funcionarían na práctica totalidade de dispositivos móbiles de Apple.
Nos últimos meses xurdiran plataformas como Zeusmos e Kuaiyong que agora están a acadar grande relevancia, pois non limitan o seu uso ao reducido número de trebellos con jailbreak, o que parece que conseguen empregando certificados de desenvolvemento para asinar as aplicacións crackeadas para poder instalala en calquera iPhone, iPod Touch ou iPad, e mesmo ousan a ofrecer este servizo mediante unha cota de pagamento anual de só 5 dólares, promocionándose como unha solución para poder probar as aplicacións antes de mercalas (no caso de Zeusmos, mentres que a súa contrapartida chinesa é totalmente de balde).
Cómpre avisar de que calquera destas plataformas son ilegais e que poden ser unha fonte de malware, pois ninguén garante que as aplicacións descargadas deste xeito non inclúan troianos que poidan roubar información do noso móbil ou incluso realizar chamadas e outras comunicacións que terían unha repercusión directa no peto dos usuarios afectados.

PUBLICIDADE