A piratería para iPhone e iPad retrocede co cesamento de Hackulous

luns, 31 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Captura de Installous para iPad

Millóns de dispositivos con iOS de todo o mundo tiñan instalada unha aplicación chamada Installous que facilitaba a descarga e instalación de boa parte das aplicacións da App Store sen pagar por elas, pero onte na páxina web de Hackulous, nome que recibe o equipo detrás deste proxecto, figura unha mensaxe de despedida na que aseguran que cesaron a súa actividade ante as dificultades ás que tiñan que facer fronte a diario para manter esta plataforma de descargas operativa.
Aínda que é relativamente doado que outro equipo xurda para ocupar o espazo deixado por Hackulous (de feito, existen algunhas alternativas), a desaparición de Hackulous supón un duro golpe para a piratería de aplicacións para iOS, o que agradecerán os desenvolvedores de software para esta plataforma.
Aínda que dende Hackulous parecen atribuír o peche á falta de actividade, hai quen apunta que é moi posible que as dificultades para facer jailbreak a futuras versión de iOS (incluso aseguran que podería ser imposible) fose un dos motivos que levasen a Hackulous a dicir adeus.

PUBLICIDADE