Clausurada con éxito a VII Conferencia Internacional de Parques Tecnolóxicos

venres, 7 de novembro do 2008 Raquel Noya

Durante os pasados días 5 e 6 de novembro, tivo lugar en Ourense, a sétima edición da Conferencia Internacional da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), un evento que serviu como punto de encontro para os axentes da innovación máis importantes do país e que lle valeu ao complexo galego para reforzar a súa situación destacada no sector.
En total, achegáronse a Galiza máis de oitenta xestores e técnicos de parques científicos e tecnolóxicos de todo o estado español, entre os que se atopaban expertos de renome internacional tales como Tapan Munroe, especialista na economía do Silicon Valley e Michel-Eric Dufeil, responsable de desenvolvemento rexional da Dirección Xeral de Política Rexional da Unión Europea.
No acto de despedida de onte, o presidente da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos (APTE), Felipe Romera, felicitou á Tecnópole pola organización da Conferencia calificándoa de “extraordinariamente completa nun entorno impresionante”.
Posteriormente, o director xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria, Salustiano Mato, despediu ao cento de asistentes, non sen antes lembrarlle aos mesmos o compromiso do actual Goberno galego “co tecido produtivo con raíces na innovación”.
Pola súa banda, o vicepresidente e conselleiro delegado de Tecnópole mostrouse satisfeito coa experiencia e asegurou que “será aproveitada para enriquecer a constitución da futura Rede Galega de Parques Científico-Tecnolóxicos”.
Pouco antes da clausura da Conferencia Internacional tivo lugar a entrega do Premio da Rede de Transferencia de Tecnoloxía da APTE, que recaeu en Ingelabs, unha empresa do Parque Tecnolóxico de Andalucía que desenvolve a súa actividade no sector da enxeñería electrónica.
Posteriormente, produciuse o relevo da bandeira entre parques anfitrións da Conferencia, que lle foi entregada ao xerente de Creápolis Parc de la Creativitat (Barcelona), de man do vicepresidente e conselleiro delegado da Tecnópole, Salustiano Mato, para que o parque catalán se faga cargo oficialmente da organización da edición de 2009.

PUBLICIDADE