Chuza! pon en marcha un sitio web de preguntas e respostas colaborativo

luns, 23 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

A Asociación Cultural Chuza! informou os días pasados da posta en marcha dun novo proxecto de seu. Trátase dun sitio web de preguntas e respostas, ao estilo de Quora ou StackOverflow, colaborativo (colaboracións técnicas e ligadas aos contidos), que sirva entre outras cousas para albiscar e fixar posíbeis futuros para o proxecto Chuza!, agora que a Taxa Google obriga aos seus impulsores a deter temporalmente o proxecto, aclarar a súa situación legal e dar cunha solución alternativa ao pago do canon que impón a dita taxa a unha asociación privada (AEDE) beneficiada polo Goberno central.
Como lembraremos, a reforma da Lei de Propiedade Intelectual aprobada o pasado mes de outubro habilita unha compensación económica para editores de novas pola explotación no ámbito dos agregadores daquelas na Internet. O sexa, que Chuza! Tería que pagar pola actividade dos seus usuarios compartindo novas.
Volvendo ao sitio aberto pola asociación, dicir que inclúe unha listaxe de correo na que se realizarán as comunicacións da equipa de traballo, amais dun wiki específico. O obxectivo é crear unha web que preste un servizo sen ánimo de lucro. Así nos explican dende Chuza! a situación actual que motiva a busca de novas propostas e futuros posíbeis: “Debido á aparición da chamada Taxa Google, que nos obriga a pagar un canon a unha asociación privada beneficiada polo governo do estado, a asociación deixa de prestar servizo ao agregador de noticias, que pasa a ser xerido por unha persoa non residente no Estado español”. Segundo engaden, o desenvolvemento de Chuza! fica parado temporalmente, até que se aclare a situación legal. A intención do colectivo, engaden, é reintegrar Chuza! con Menéame, mantendo as características da marca galega e, ao mesmo tempo, beneficiándose do desenvolvemento de Menéame e mesmo colaborando nese desenvolvemento. “Nestes momentos dánse as condicións técnicas para lograrmos ese obxectivo, que sería o desexábel para asegurarmos o futuro da web”, aclara Chuza!, que tamén lembra que aínda que a asociación naceu coa arela de manter o sitio web do mesmo nome, está en proceso de converterse nunha “modesta plataforma de apoio e difusión dos proxectos de código aberto galegos”. De feito, xa organizaron os seus membros un certame o ano pasado en colaboración co GPUL e seguen abertos a colaborar tanto con colectivos como a nivel individual.

PUBLICIDADE