Chega ás televisións a iniciativa anticrise de Telefónica

mércores, 25 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Nisto do mercado de tecnoloxía e telecomunicacións, tan rifado coma calquera outro, non só está ben achegar o ombreiro cando é preciso, senón que tamén é importante que se saiba. Na liña de informar en todos os seus detalles dunha iniciativa de especial interese para os cidadáns, especialmente aqueles que máis se están a ver prexudicados pola crise do sistema socioeconómico, é onde se sitúa unha campaña de Telefónica que arranca este xoves 26 de marzo. Estamos a falar de Te ayudamos, un labor de promoción encamiñado a difundir o programa de axudas e descontos da operadora en todas as cadeas de televisión. Por certo que esta iniciativa, tal e como xa informamos en Código Cero, está especialmente dirixida a botarlle unha man ás persoas desempregadas, co fin de contribuír a que sigan dándolle uso a un aparello, o móbil, que de xeito paradoxal tamén contribúe a incrementar -sinala a compañía- as posibilidades atopar un novo traballo.
A proposta de Telefónica, por certo, está a ter especial repercusión na web propia de seu, dende a que foron descargados xa 110.000 formularios dende a posta en marcha oficial da medida, hai unha semana.
Polo que respecta ao anuncio que poderemos ver a partir de mañá nas televisións (feito pola axencia Sra. Rushmore), dicir que a operadora optou desta volta por tentar un máis que complicado equilibrio entre a responsabilidade social (a obriga de calquera empresa de peso de recompensar á cidadanía por longos anos de apoio, unha axuda de ida e volta) e a estratexia-manobra de comercio que a fin de contas é.
Máis polo miúdo, o spot relata a situación que se vive cando se perde o posto de traballo e como afecta iso ao contorno familiar do desempregado, situándose o móbil como un instrumento de comunicación primordial para o comezo da superación do problema, non só polo que ten de canle afectivo-comunicativa en si mesma senón tamén como ponte para atopar un novo traballo. Entre outras informacións, o anuncio fai fincapé nas rebaixas do 50% sobre a factura que inclúe a iniciativa para os clientes da operadora que se atopen no paro, tanto para servizos fixos como para móbiles.

PUBLICIDADE