Cazan a BlackBerry chiando dende un iPhone

martes, 13 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Nun momento no que BlackBerry está a esforzarse para intentar recuperar o favor do público, repítese unha anécdota recorrente, e ao igual que hai un par de anos, ou pouco de que a artista Alicia Keys fose nomeada como directora creativa global da compañía canadense cazábana publicando chíos dende o seu iPhone, agora é a propia conta oficial de BlackBerry en Twitter a que publica unha mensaxe a través dun iPhone e, ao decatarse da metedura de zoca, borrárona, intentando eliminar o rastro (o que ten demostrado ser unha táctica moi pouco efectiva).
Dado que o último BlackBerry Classic conta cun teclado QWERTY, que parece un xeito máis que axeitado para redactar contidos para Twitter, resulta especialmente grave que o responsable de administrar as redes sociais de BlackBerry empregue un dispositivo da competencia.
Cómpre destacar que este tipo de erros tenden a ser consecuencia da ignorancia de moitos traballadores no mundo da comunicación corporativa, que non son conscientes de que existen infinidade de clientes de Twitter, e moitos deles amosan claramente o cliente de Twitter empregado para publicar as mensaxes, de xeito que podemos saber se unha publicación se realizou dende a web, dende o escritorio ou dende unha aplicación móbil en concreto (que no caso en concreto era “Twitter para iPhone”).

PUBLICIDADE