Carlos Cano substitúe a Sebastián Muriel á fronte de Red.es

xoves, 24 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

O enxeñeiro de Telecomunicacións Carlos Cano é o novo director xeral de Red.es. Así nolo conta a propia entidade público-empresarial ligada ao Ministerio de Industria, unha institución que estivo hai ben pouco por Compostela para informar polo miúdo das súas iniciativas na nosa terra a prol de implicar ao sector do motor no uso das TIC. Cano, que até o de agora ocupaba o posto de director de Operacións de Red.es (dende agosto de 2008), substitúe neste cargo a Sebastián Muriel, á fronte da entidade durante os últimos catro anos. Ao longo deste período, infórmase, leváronse a cabo importantes retos no que se refire a iniciativas profesionais e de afianzamento e promoción das tecnoloxías da información onde a xuízo de Red.es máis se precisaban: nas empresas e na cidadanía que non tiñan posibilidade (tanto económica como de coñecemento) de acceder a elas.
Entre as iniciativas postas en marcha por Muriel figuran a implantación do eDNI ou ben o lanzamento do Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD), amais de todo o que tivo o Plan Avanza de impulsor das redes. Asemade, durante a dirección de Sebastián Muriel, o Estado foi quen de deixar atrás a liña do millón de dominios .es. O obxectivo de Carlos Cano semella o que dar continuidade a estas liñas estratéxicas e renovalas con todo o que depara a tecnoloxía social. No seu currículo figura o de ter sido responsable, xunto co seu equipo, da posta en marcha do despregue da RedIris Nova, da que falamos hai pouco en Código Cero para informar da inclusión na mesma do nodo lucense.

PUBLICIDADE