A nova rede do Estado para a comunidade científica terá un nodo no Campus de Lugo

luns, 10 de maio do 2010 Fernando Sarasketa

Reunión mantida en San Xerome sobre as vantaxes comunicativas da iniciativa, foto de Santi Alviite

O Campus de Lugo dará acubillo a un nodo central de RedIris Nova, a infraestrutura de comunicación ao servizo da comunidade investigadora e docente de España. A importancia deste emprazamento, sinalou os días pasados a Universidade de Santiago (da que depende o dito Campus), radica principalmente nos obxectivos e tamaño da rede: trátase da grande instalación telemática do Plan Nacional de I+D+i, vén cun orzamento de 138 millóns de euros e está concibida para ampliar as capacidades de comunicación dos investigadores e impulsar os seus resultados. A clave disto último, tecnoloxicamente falando, estaría na construción dunha nova malla óptica con camiños alternativos que posibiliten a redundancia da rede ante hipotéticos cortes.
Dende un punto de vista interno, a presenza do nodo en Lugo achegaríalle aos dous campus composteláns conectividade directa e de alta capacidade, todo isto a través do Centro de Supercomputación de Galicia. CESGA. No que atinxe ao eido externo, ámbolos emprazamentos educativos terían comunicación de vangarda coa rede nacional e internacional de investigación.
Nun plano máis concreto, esta intervención significará un pulo para servizos como as salas Acces Grid de Lugo e Santiago ou para proxectos de I+D que se desenvolvan no seo da comunidade educativa e que precisen altas capacidades de comunicación e computación. A previsión é que os equipos do nodo galego poidan estar en activo no mes de xullo. Por certo que os traballos de acondicionamento xa están en marcha na Facultade de Veterinaria de Lugo.

PUBLICIDADE