Cambiar de pestanas no Firefox en 3D grazas a FoxTab

xoves, 19 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios que estean afeitos á interface de cambio entre aplicacións activas en Windows Vista de xeito tridimensional (Flip 3D) poderán trasladar esta experiencia ás pestanas dentro do navegador web Firefox grazas ao engadido FoxTab, que non só se pode configurar con esta disposición das páxinas abertas, senón que tamén permite elixir entre outros modos de presentación que incluso son máis cómodos para os usuarios afeitos a traballar con moitas pestanas abertas á vez.
Unha vez instalado FoxTab, o engadido pódese activar coa combinación de teclas Control + Q, de xeito que podemos movernos entre as distintas páxinas cos cursores do teclado ou coa roda de desprazamento do rato, existindo tamén a posibilidade de activar esta vista premendo Control + Tabulador, aínda que neste último caso o xeito de funcionamento é parello ao do Flip 3D de Vista, e as páxinas irán rotando ata que deixemos de premer a combinación de teclas mencionada.

FoxTab permite emular o efecto Flip 3D en Firefox

PUBLICIDADE