Caixanova achega ultraportátiles cos seus depósitos a prazo fixo

luns, 24 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Se o ano pasado Caixanova utilizaba a popular Wii coma reclamo para os seus depósitos bancarios a prazo fixo, agora confirma que os produtos tecnolóxicos de moda son os ultraportátiles, e estrean unha promoción vixente ata o 31 de decembro baixo o lema Caixanova dache máis, e que consiste na entrega dun ultraportátil Medion Akoya Mini E1210 para imposicións de 5.900 euros nun prazo de 24 meses, 7.800 euros durante 18 meses ou 11.600 euros por 12 meses. Co equipo tamén inclúen unha funda e unha memoria USB de 4 Gb.
O Medion Akoya Mini E1210 é un dos ultraportátiles de baixo custo máis populares en España, por ser o primeiro clon do MSI Wind en chegar ás nosas tendas o pasado 15 de xullo (chegando tamén baixo marcas coma Advent e Ahtec) e que conta cun procesador Intel Atom N270 a 1,6 GHz, pantalla de 10,2 polgadas, disco duro de 160 Gb, 1 Gb de memoria RAM, webcam, Wi-Fi, lector de tarxetas de memoria e o sistema operativo Windows XP Home Edition.

PUBLICIDADE