Caixa Galicia estrea aplicación de banca electrónica para o iPhone

xoves, 16 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Caixa Galicia presentou hoxe ActivaMóvil, unha aplicación de banca electrónica no móbil adaptada ao iPhone, de xeito que converteríase na segunda entidade bancaria española en facer tal tras La Caixa coa súa aplicación CaixaMóvil, de xeito que as caixas situaríanse na vangarda tecnolóxica, pois non se limitan a optimizar as súas webs corporativas para a súa visualización no móbil de Apple, senón que desenvolveron aplicacións descargables para axilizar o acceso aos seus servizos.
No caso de ActivaMóvil, os clientes de Caixa Galicia que teñan un iPhone poden facer operacións con contas (consulta de saldos e últimos movementos, transferencias a contas ou tarxetas, recarga de móbiles e Halcash), con tarxetas (consulta de saldos e últimos movementos, traspasos de saldo a conta ou a tarxeta, cambio de modalidade de pagamento, cambio de límite en caixeiros, recarga de móbiles e aviso de perda ou roubo), con valores (posición global e rendibilidade da carteira e compra-venda de valores) e outras funcións como gardar as operacións favoritas. Amais, os usuarios da aplicación poderán beneficiarse de transferencias gratuítas e tarifas vantaxosas para o resto de operacións.
O uso da aplicación para o iPhone non só é cómoda, senón que tamén conta con grandes medidas de seguridade, coma vén sendo habitual na plataforma de banca móbil de Caixa Galicia.
Aínda que dende a entidade bancaria non poden precisar o número de clientes que teñen un iPhone, a súa aposta polo terminal de Apple resultaba clara tras comprobar que o 21% dos visitantes á súa nova web móbil baixo o dominio caixagalicia.mobi utilizaban o terminal de Apple. Pero dende Caixa Galicia non se deterán na súa adaptación ao móbil, e agora están a traballar na aplicación que permita levar Activa Móvil aos terminais co sistema operativo Android promovido por Google.

PUBLICIDADE