Caen os beneficios anuais de Nintendo

xoves, 6 de maio do 2010 Marcus Fernández

Nintendo vén de publicar os seus resultados financeiros do último ano fiscal (descargables en formato PDF) e reflectindo unha caída do 18% nos seus ingresos netos, sumando 229.000 millóns de iens, o que tamén traduciuse nunha caída dos beneficios do 22% (quedando en 1.430 millóns de iens) o que podería xustificarse pola rebaixa de prezo da Wii e a forza do ien entre outros factores, aínda que agardan unha recuperación grazas aos xogos Super Mario Galaxy 2 e Metroid Other M, o accesorio Vitality Sensor e a futura consola portátil Nintendo 3DS.
No tocante ás videoconsolas, a compañía conseguiu vender 27,1 millóns de Nintendo DS durante o pasado ano fiscal, sumando un parque total de 129 millóns de consolas portátiles, polo que sería a consola de Nintendo máis vendida da historia, mentres que a Wii tivo que conformarse con 20,5 millóns de unidades ata sumar un total de 70,9 millóns, quedando clara a súa posición dominante nas actual xeración de consolas domésticas.
Nos xogos, tampouco sorprende que dende Nintendo aseguren que o seu xogo estrela foi o Wii Sports Resort (16 millóns de unidades), seguido por New Super Mario Bros Wii (14,7 millóns) e Wii Fit Plus (12,6 millóns); mentres que o xogos de máis éxito para a Nintendo DS son os novos Pokémon (que sumaron 8,4 millóns de copias) e o novo Zelda (2,6 millóns).

PUBLICIDADE