Cae a demanda de ordenadores persoais por 4º trimestre consecutivo

xoves, 11 de abril do 2013 Marcus Fernández

Evolución do interanual do mercado do PC rexistrada por trimestres por IDC

A emerxencia dos tablets e smartphones e a conxuntura económica actual están a afectar seriamente ás vendas de equipos informáticos, o que parecen confirmar os últimos datos de IDC, que estiman que durante o primeiro trimestre do ano colocáronse no mercado 76,3 millóns de ordenadores, o que suporía unha caída interanual do 13,9%, o que sería a meirande baixada rexistrada dende que IDC comezou a realizar este seguimento do mercado do PC en 1994.
Estariamos ante o cuarto trimestre consecutivo de caída de envíos de ordenadores ao mercado, o que sería consecuencia de multitude de factores como os apuntados antes, aos que tamén habería que sumar a decepción do público polos netbooks (que tras ser uns dispositivos de moda pasaron a ser uns produtos de baixo custo de pouca relevancia) e a confusión propia da chegada dun sistema operativo tan rompedor como Windows 8, elemento que Bob O’Donnel, un dos directivos de IDC, asegura que “non só fracasou en dar un pulo ao mercado do PC, senón que parece que freou o mercado”.

Os tablets con Windows RT/8 non estarían a ser considerados como PC por IDC

Segundo os datos rexistrados por IDC, o principal vendedor de ordenadores a nivel mundial continuaría a ser HP (que rexistrou unha caída interanual do 23,7% do último trimestre), seguido por Lenovo, Dell, Acer, Asus, Apple e Toshiba, aínda que cómpre destacar que se limitamos os datos aos EE.UU. teriamos que Apple consegue situarse nun terceiro posto, mentres que Lenovo cae a un quinto.
Pero de todos estes datos cómpre destacar que IDC considera que o mercado dos ordenadores persoais está composto por equipos de escritorio, portátiles, ultraportátiles e estacións de traballo, sen incluír equipos de man, servidores e tablets (nin sequera os que contan con teclado extraíble), ou sexa, que deixarían fóra da categoría PC os tablets con Windows RT/8 que buscan facerse un oco no mercado, criterio que neste momento podería non ser moi significativo, pero que posiblemente teñan que revisar, posto que a propia Microsoft busca que este tipo de equipos sexan os ordenadores do futuro, sen asegurar que iso corresponda á tan cacarexada era post-PC.

PUBLICIDADE