CEDRO quere facer efectivo o canon AEDE

martes, 7 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Fragmento das tarifas de CEDRO no que figura o polémico canon AEDE

A finais de 2014 aprobouse unha reforma parcial da Lei de Propiedade Intelectual na que se incluía a polémica taxa Google ou canon AEDE, que penaliza a agregación de novas na Internet, o que a propia Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) considera inxustificada e que quedou practicamente sen aplicación despois de que Google decidise pechar o servizo Google News en España, sendo o único país do mundo no que a empresa de Mountain View fixo tal, deixando en ridículo internacionalmente a España por mor a creación dun dereito irrenunciable para os medios de comunicación que é totalmente contrario aos seus intereses (por reducir a súa difusión real).
Dado que a intención inicial de facer pasar por caixa a Google coa reforma lexislativa veuse frustrada, quedaba por saber o que acontecería con outros agregadores como Chuza ou Menéame, e agora sorprenden dende CEDRO incluíndo un capítulo nas súas tarifas no que recollen o que terían que pagar os prestadores de servizos electrónicos de agregación de contidos como «compensación pola difusión de fragmentos non significativos divulgados en publicacións periódicas ou sitios web de actualización periódica e que teñan unha finalidade informativa, de creación de opinión pública ou de entretemento». A cantidade fixada, tan arbitraria como absurda, sería de 0,05044854 euros por cada usuario activo ao día, e aseguran que sería efectiva a partires do pasado 15 de xullo, pese a que non se coñece ningún regulamento que fixe tal gravame.
Ao parecer CEDRO estaría a negociar cos agregadores españois o cobro desta taxa, mentres que dende os mesmos aseguran que facer efectivo o cobro da remuneración citada levaría directamente á bancarrota aos servizos. Por exemplo, no caso de Menéame aseguran que con 139.000 usuarios únicos diarios terían que pagar máis de 7.000 euros/dia, o que sumaría uns 2,56 millóns de euros/ano, o que sería unha cantidade astronómica difícil de esixir a unha compañía que o ano pasado tivo unha facturación de 125.000 euros.
Dende CEDRO aseguran ter fixado a nova taxa en función a estudos presentados ante o Ministerio de Cultura, aínda que non existe ningunha documentación oficial que xustifique nin as cantidades fixadas nin o concepto ao que se aplican, elementos que parecen ir en contra de todo sentido común e que claramente suporían un freo para o desenvolvemento dunha chea de servizos en España. Tampouco sería de sorprender que a reforma lexislativa que considerou que a compensación aos donos dos contidos é un dereito irrenunciable sexa considerada ilegal cando chegue a instancias xudiciais comunitarias como pasou co anterior canon dixital.

PUBLICIDADE