Google News pechará en España o vindeiro martes

mércores, 10 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O pasado mes de outubro dende Google comentouse que, no caso de entrar en vigor a nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual en España, estudiarían a posibilidade de pechar o servizo de Google Noticias, xa que dende Google non consideran xustificado compensar economicamente aos medios de comunicación por facer publicidade dos seus contidos a través dun servizo que non inclúe publicidade, e do que os propios medios sempre foron os principais beneficiados. Finalmente confírmanse as malas novas, e Richard Gingras, director de Google News, foi o encargado de comunicar que o vindeiro 16 de decembro (adiantándose á entrada en vigor da reforma da LPI o 1 de xaneiro) eliminarán aos editores españois de Google News e pecharán a versión española do servizo, deixándonos así sen unha ferramenta de grande utilidade para seguir a actualidade, xa que a entrada en vigor da reforma lexislativa o convertería nun servizo que non sería sustentable, por ter que facer fronte a unha serie de taxas que non podería sufragar ao carecer de ingresos.
A mesma preocupación afectaba durante a redacción do texto aos responsables de agregadores de novas como Menéame, e a outras plataformas, que temen que a nova lexislación supoña unha pesada lousa para a innovación na Internet española, por introducir un gravame que non existe en ningún outro país do mundo e que afecta a moitos máis compañías que o buscador de Mountain View.
Dende Google continúan a insistir en que o seu servizo de novas engadir valor ás publicacións dos medios, canalizando tráfico ás súas respectivas páxinas web e axudándoos a xerar ingresos por publicidade, o que souberon comprender noutros países, pero no caso español a situación dificilmente poderá arranxarse sen un cambio lexislativo, xa que o grande problema da reforma da LPI é que converte á compensación pola publicación de extractos de novas nun dereito irrenunciable, o que incluso invalidaría as moi empregadas licenzas Creative Commons (levando a que medios que si desexan aparecer no servizo de Google non poidan facelo por mor dunha lexislación que atenta contra principios na Rede como a liberdade para establecer ligazóns entre páxinas web).

PUBLICIDADE