Buzzie, a primeira aplicación cliente de Google Buzz para iPhone

xoves, 4 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Tras o lanzamento de Google Buzz e da súa API pública de programación, era só cuestión de tempo que aparecese algunha aplicación que aproveitase este novo servizo integrado inicialmente en Gmail, e así chega Buzzie, un programa para iPhone e iPod Touch que busca mellorar a experiencia de uso da versión web de Buzz aínda que sorprende que esteamos ante unha aplicación de pagamento, cun prezo de 1,59 euros (ao parecer, incluíndo un desconto do 33%, aplicable só á semana de lanzamento do produto).
Buzzie permite botar un ollo ao que contan os usuarios de Buzz que temos ao noso redor incluso sen contar cunha conta de Google Buzz, recibe as mensaxes das persoas ás que seguimos, envía comentarios ás mensaxes alleas e marca as que sexan do noso agrado, explora as ligazóns, imaxes e vídeos adxuntos ás mensaxes, xestiona á xente que seguimos, explora a xente que nos segue, atopa novas persoas ás que seguir, atopa lugares interesantes ao noso redor e permite tamén mandar mensaxes públicos ou privados dende o teléfono.
Estariamos ante a primeira de moitas outras aplicacións que permiten o acceso a Google Buzz, doada de mellorar aínda que sexa só incorporando o acceso a outras plataformas sociais coma Twitter ou Facebook.

PUBLICIDADE