Brión convoca dous cursos de informática válidos para obter a certificación ECDL
venres, 10 de febreiro do 2012
O Concello de Brión, que constantemente está a buscar cursos e actividades do eido tecnolóxico cos que mellorar as posibilidades de acceso á Sociedade da Información da súa veciñanza (e como vimos recentemente, tamén dos veciños e veciñas doutras localidades) vén de convocar dous novos cursos de informática moi dispares, que van dirixidos tanto ás persoas que aínda nunca manexaron un ordenador e precisan obter os coñecementos básicos para facelo, como a aquelas que xa coñecen algúns programas básicos e queren coñecer as posibilidades do Microsoft Access.
Ámbolos dous cursos están incluídos no ciclo de Cursos de Informática de usuario que imparte o Concello coruñés, e terán lugar no Telecentro de Comunicacións de Brión.
As persoas interesadas en participar nestas actividades poden facelo sen ningún tipo de traba independentemente da zona da que procedan, porén deben saber que no caso de superar o límite de prazas, teñen preferencia os veciños e veciñas de Brión.
O prazo de inscrición para ámbalas dúas formacións remata o vindeiro 24 de febreiro; e ata esa data, as persoas con interese en participar deberán acudir á Casa da Cultura ou ben chamar ao teléfono 981 50 99 08 e informarse polo miúdo.
O curso de Iniciación á Informática ofrécelle ao alumnado os coñecementos básicos que precisan para manexar un ordenador con sistema operativo Windows.
Trátase dunha formación básica, segundo afirman os técnicos do Concello, “para poder realizar os seguintes módulos que completan o Curso de Informática de Usuario (Word, Access, Excel, Power Point e Internet)”. O prezo deste curso é de 30 euros e terá unha duración de 20 horas a repartir os martes e xoves entre o 6 de marzo e o 10 de abril en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Por outra banda, o curso de Microsoft Access é o quinto módulo do devandito Curso de Informática de Usuario do Concello, e nel os alumnos aprenderán a utilizar esta base de datos. O coste do curso é de 50 euros polas 40 horas lectivas correspondentes. O Concello de Brión oferta a posibilidade de organizar grupos de mañá (de 10:30 a 12:30 horas) e de tarde (de 20:00 a 22:00 horas). As clases terán lugar os luns, mércores e venres entre o 27 de febreiro e o 16 de abril.
O principal interese destes cursos, alén dos coñecementos que poden adquirir os usuarios, radica en que serven de base para obter as Acreditacións Europeas de Manexo do Ordenador, un certificado oficial da Fundación ECDL (European Computer Driving Licence) que imparte o Concello de Brión e que acaban de obter un grupo de persoas.
