Brión acredita internacionalmente os coñecementos de informática de 5 usuarios
martes, 7 de febreiro do 2012
Igual que para manexar os nosos vehículos temos que sacar un carné de conducir que nos acredite como persoas aptas para facelo, na actualidade existe unha acreditación internacional europea que outorga o recoñecemento de posuír unha formación básica e completa en informática a nivel de usuario, que cinco persoas do Concello de Brión acaban de obter a través do Telecentro da vila.
Trátase da ECDL, que certifica á persoa que a posúe que é quen de traballar cun ordenador persoal e con aplicacións informáticas comúns a un nivel básico de competencia.
Estas cinco persoas de Brión, alumnas dunha academia de Santiago de Compostela acaban de acadar cadansúa tarxeta de acreditación ECDL, logo de presentarse ás correspondentes probas no Telecentro de Comunicacións brionés.
Segundo afirman na web deste municipio, “Brión é un dos poucos lugares acreditados para realizar os exames necesarios para obter a ECDL”, e o interese que espertan as probas para obtela increméntanse día a día.
É por isto que algúns dos alumnos e alumnas que se presentaron ás probas no concello coruñés procedían de lugares como Abegondo ou Vigo, e mesmo, segundo comenta o técnico do Telecentro para a web InfoBrión, “teñen solicitado información persoas de fóra de Galicia”.
Esta acreditación europea é axeitada no mundo laboral para aquelas persoas que queiran que se lles recoñeza formalmente a súa competencia no manexo do ordenador, e constitúe unha garantía para as organizacións e empresas acerca do nivel de capacitación dun empregado ou empregada para traballar nun entorno ofimático calquera.
.
