Botan a andar na Coruña os obradoiros stop motion Super Mario

martes, 28 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Na mañá deste luns, a sede coruñesa da Fundación Caixa Galicia acolleu a apertura do primeiro Obradoiro stop motion Super Mario, un evento que repetirase os días 28 e 29 de decembro (de 12:00 a 14:00 horas) e 3, 4 e 5 de xaneiro (de 18:00 a 20:00 horas), que permiten aos nenos galegos aprender os fundamentos da imaxe en movemento e a animación, descubrindo as semellanzas entre as expresións artísticas da hai milleiros de anos e as actuais (establecendo unha analoxía entre os mosaicos e as imaxes formadas por píxeles), podendo incluso participar no desenvolvemento dunha pequena animación empregando a técnica do stop motion e que ao remate da actividade publicarase na canle de Caixa Galicia en YouTube e na páxina da Fundación Caixa Galicia en Facebook.
Os responsables deste obradoiro ensinan aos participantes a enfrontarse ás mesmas dificultades que tivo Shigeru Miyamoto para crear un Mario en movemento mediante a técnica da cronografía inventada no século XIX por Eadweard Muybridge. Os cativos deberán que empregar distintos elementos para recrear as probas que ten que superar Super Mario nos seus xogos, tirándolle unha fotografía a cada paso, para que ao dar velocidade ás imaxes sucesivas teñamos a sensación de ver movemento, cobrando vida o personaxe. Tamén poden colorear eles mesmos ás figuras ás que despois darán vida, nunha actividade amena e instrutiva.
Os interesados en participar no Obradoiro stop motion Super Mario deberán confirmar a súa asistencia contactando con Begoña Blanco por teléfono (608 96 95 05) ou a través do correo electrónico.
Esta actividade está enmarcada na exposición Super Mario: 25 anos, unha retrospectiva dos xogos do fontaneiro máis coñecido do mundo, na que os visitantes poderán gozar de xogos coma o Donkey Kong orixinal (primeira aparición de Mario co nome de Jumpman) ata os actuais New Super Mario Bros Wii e Super Mario Galaxy, pasando polo revolucionario Mario 64 (rechamante pola recreación dun mundo aberto en 3D). Toda unha experiencia que servirá para lembrar vellos tempos (no caso dos visitantes de maior idade) ou para coñecer as orixes que deron lugar ao personaxe máis querido e coñecido do mundo dos videoxogos.

PUBLICIDADE