Boa acollida de Kinect nos EE.UU.

venres, 5 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro mércores chegará ás tendas españolas o accesorio Kinect para a Xbox 360, e como anticipo do seu futuro éxito podemos ver a boa acollida que está a ter nos EE.UU., onde saíu á venda esta mesma semana, con grandes colas nalgúns establecementos comerciais, forte presenza en programas televisivos, famosos probando o sistema de control de movemento sen mandos de Microsoft e todo un fenómeno que levou a Microsoft a actualizar as súas previsións de vendas desta tecnoloxía, de xeito que, aínda que antes estimaban vender 3 millóns de unidades antes de rematar o ano, agora contan con chegar aos 5 millóns.

Times Square vestiuse de festa para recibir a Kinect

O lanzamento de Kinect en New York foi toda unha festa, na que un exército de bailaríns vestidos con camisetas púrpura demostraron en Times Square que coa nova tecnoloxía de Microsoft é posible converter ao usuario no mando da Xbox 360, mentres que nun escenario foron amosando as posibilidades de Kinect nos distintos xogos do seu catálogo inicial (de máis de 15 títulos), e incluso o actor Mark Wahlberg probou en primeira persoa o xogo Kinect Sports. No Toys R’ Us da mesma praza foi onde un entusiasta da Xbox 360, Peter Gonzales, pasou 2 días facendo cola para ser o primeiro en mercar a cámara de Kinect, o que celebrou de xeito triunfal, gañando uns minutos de fama na prensa e nos informativos norteamericanos.
Pero deixando as anécdotas a un lado, podemos asegurar que Kinect está a ter unhas vendas excelentes, especialmente se tempos en conta que é un dispositivo bastante caro, e algunhas tendas coma Best Buy, GameStop e Amazon chegaron a esgotar as súas unidades dispoñibles, mentres que Target, e Wallmart tamén rexistraron fortes vendas, aínda que polo momento non parece haber problemas de reabastecemento, de xeito que entendemos que Microsoft xa contaba cunha estrea espectacular de Kinect.

O catálogo de xogos cos que chega Kinect, pese a estar moi orientado ao público ocasional, ten unha calidade bastante aceptable

Unha vez que o produto está na rúa, xa toca ao público xulgalo, e parece pasar a proba con nota, pois os consumidores están a atopar o accesorio con facilidade nas tendas, os xogos iniciais teñen unha calidade máis que aceptable (aínda que a estrela parece ser claramente o Dance Central), Kinect parece funcionar ben con multitude de tecnoloxías (incluíndo os proxectores de vídeo), pese ao que denunciaron algúns usuarios, o sistema si recoñece á xente de pel escura (sempre que estean ben iluminados) e, de criticarse algo de Kinect, parece haber unanimidade ao destacar que este sistema de xogo precisa bastante espazo libre no salón (máis polos movemento do usuario que pola distancia que precisa a cámara para funcionar) e o feito de que resulte bastante máis económico mercar Kinect empaquetado cunha consola que de xeito independente (o que permite que os novos xogadores entendan Kinect como unha alternativa á Wii, mentres que os usuarios veteranos perciben o elevado prezo dunha cámara con detección de movemento).
De todos os xeitos, cando o produto chegue a España debemos ser conscientes de que non teremos todas as súas posibilidades abertas ata a vindeira primavera, cando activarán a funcionalidade de recoñecemento de voz do sistema, que xunto coa detección de movemento pode mudar de xeito radical a interacción coa interface de usuario e a multimedia no salón do noso domicilio.

Mark Wahlberg probando Kinect Sports
Os xogos de baile prometen ser a estrela con Kinect
Peter Gonzales celebrando a compra de Kinect tras facer cola 2 días seguidos ante o Toys R’ Us de Times Square

PUBLICIDADE