Blusens prepara varios dispositivos baseados en Android 2.x

martes, 2 de agosto do 2011 Marcus Fernández

O desenvolvedor de aplicacións para Android e fundador da empresa Mobialia, Alberto Alonso Ruibal, visitou nos pasados días as instalacións compostelás de Blusens para coñecer os dispositivos que prepara a compañía de electrónica de consumo baseados no sistema operativo promovido por Google.
O primeiro produto destacado por Ruibal é un tablet con Android 2.3 e pantalla resistiva de 7 polgadas que comercializaríase cunha funda que integra un teclado conectable por USB e que chegará ao mercado nun par de meses a un prezo duns 160 euros. Aínda que este dispositivo non está certificado por Google (polo que non inclúe o Android Market de serie) ten unha importante vantaxe sobre os múltiples tablets de provedores chineses (tamén moi económicos) que é contar con soporte técnico dende Europa.
Tamén é moi prometedor un set-top-box (STB) con Android 2.2 (versión que inclúe o prototipo actual) que está a seguir a liña do web:tv ao achegar a Internet ao televisor. O dispositivo podería conectarse ao noso televisor e controlaríase cun teclado completo e un apuntador semellante ao mando da Wii, facilitando o uso de servizos de Internet no salón e podendo ampliarse cun sintonizador de televisión e unha webcam. Sen dúbida, unha interesante alternativa para levar aplicacións ao televisor, e que sería un primeiro chanzo para incorporar esta tecnoloxía de xeito interno nalgúns televisores avanzados.

PUBLICIDADE