Blusens aposta por MaxLinear para levar a HD ao seu web:tv

venres, 21 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A compañía galega de electrónica de consumo Blusens, que o pasado ano, para satisfacción de todos os que gustamos das novas tecnoloxías, lanzou ó mercado unha interesante alternativa que levaba Internet á TV nun trebello de reducidas dimensións, vén de escoller a solución de sintonización HDTV MxL101SF de MaxLinear para levar a alta definición ao seu web:tv, o atractivo trebello do que estamos a falar.
O MxL101SF combina un sintonizador dixital de altas prestacións cun demodulador TDT e permite a integración dunha interface TDT completa nun so demodulador, o que proporciona, segundo afirman dende a compañía, “prestacións excepcionais así como un baixo consumo e custe contido”.
Todo o filtrado do sinal de radiofrecuencia, filtro de selección de canles, demodulación e corrección de erros están completamente integrados, reducindo o BOM e simplificando o hardware.
Trátase pois, segundo afirma o vicepresidente de marketing de MaxLinear, John Graham, “dun perfecto exemplo dunha plataforma pensada para a converxencia de medios audiovisuais”
Dende o seu lanzamento, este produto galego que satisface a demanda dos seus clientes máis esixentes en materia de ocio e entretemento audiovisual, xa leva colleitados os máis eloxiosos comentarios pola súa innovación e prestacións polo que, Graham, xa apurou a mostrar a súa satisfacción por “contribuir ao seu éxito”.

PUBLICIDADE